Tuesday, July 1, 2014

BANDA DESEÑADA: "Rural. Crónica de un conflicto", de Étiene Davodeau

Étienne DAVODEAU, Rural. Crónica de un conflicto, Barcelona, Ediciones de la Cúpula, 2013 [ed. orix. francesa, Eds. Delcourt, 2001]
Rural é un interesante exercicio de BD-documental onde o autor, segundo proclama no preámbulo, pretende plasmar "o relato dun anaco da nosa vella amiga a realidade". Ese anaco de realidade sitúase nunha pequena comunidade rural do departamento francés de Maine-et-Loire entre os veráns de 1999 e 2000 con algunhas regresións temporais necesarias para contextualizar o conflito ao que fai referencia o subtítulo da obra. A construción dunha autoestrada (a A-87) altera o proxecto económico e vital de moitos dos seus veciños, singularmente unha parella de neorrurais, que perderá por mor da obra a súa casa, froito de dez anos de duro traballo de rehabilitación, e tres labregos novos que asociados nunha AAEC (Agrupación Agrícola de Explotación en Común) están a levar adiante unha granxa ecolóxica de vacún para a produción de leite.
Identificamos perfectamente os diferentes actores do conflito: sectores enfrontados da comunidade, as autoridades locais e estatais, a concesionaria ASF (Autoestradas do Sur de Francia). Un marco institucional onde Sindicatos (dende a poderosa FNSA ata a Confederation Paysanne), asociacións de produtores, axencias de certificación xogan o seu papel. Podemos seguir o desenvolvemento do conflito pero tamén o ritmo regular dos labores cotiás da casa duns e da granxa dos outros.
En síntese un bo punto de partida para debater sobre as mudanzas acontecidas no mundo rural nas últimas décadas. Como conclúe o autor: "o valado [da autoestrada] separa dúas formas de proceder: dunha banda, un novo enfoque do medio ambiente respectuoso, lixeiro e sostible; da outra, unha infraestrutura pesada e contaminante que se impón pola forza en nome da rendabilidade a curto prazo. O inconvinte deste tipo de barreira é que, por forza, hai que se situar dunha banda ou da outra dela. Se te sentas enriba, pícaste o cú"