Friday, April 29, 2016

4ª XORNADAS de INTERPRETACIÓN e DINAMIZACIÓN do MEDIO RURAL - FRIOL

Un ano máis a Asociación Carballo Vivo organiza as Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural, terán lugar o derradeiro sábado de abril, día 30, e os dous primeiros sábados de maio, días 7 e 14.
Nas mesmas desenvolveranse actividades relacionadas co mundo do lobo -que inclúe a proxección da película "Entre lobos"-, a habitual xornada ao redor do mundo da saúde e, para rematar esta 4ª edición, o sábado día 14 de maio terá lugar unha sesión homenaxe ao escritor friolés Xerardo Quintiá.
Acceso ao programa das xornadas a través do blog de 'Terras de Friol'
 
 

Monday, April 25, 2016

IX ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL : A EDUCACIÓN SOÑADA NA MONTAÑA

 
 
Os vindeiros sábado 7 e domingo 8 de maio vai realizarse no CPI de Cervantes, nas montañas dos Ancares lucenses, un novo ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL, evento dirixido a toda persoa interesada pola educación e o medio rural galego (docentes, ANPAS, asociacións, concellos rurais, estudantes, etc), e que desde o 2006 vén organizando o movemento galego de renovación pedagóxica Nova Escola Galega.
 
Nesta edición, a novena, o tema sobre o que xirará boa parte da actividade será “a educación soñada na montaña”.
 

 información, programa da actividade e ficha de inscrición aquí 

A actividade do Encontro realizarase en horario intensivo o sábado 7 (todo o día) e o domingo 8 (só de mañá) de maio de 2016, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, táboas redondas, paneis de experiencias e boas prácticas educativo-rurais, etc.) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para analizar a importancia das relacións sociais nun contexto de despoboamento, poñer de manifesto as potencialidades económicas das zonas de montaña a partir da experiencia de proxectos reais en funcionamento, debater sobre a necesidade de que o profesorado que traballa no medio rural conte cunha formación inicial e continua especializadas nese eido, así como gozar da cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música e baile da terra, poesía de Manuel María e Uxío Novoneyra, literatura oral, xogos tradicionais, artesanía local e patrimonio arqueolóxico castrexo, romano e medieval.

O grupo de educación no rural de NEG e a ANPA do CPI de Cervantes convocan pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada polo futuro do medio rural, a participar nestas dúas xornadas de análise, reflexión e convivencia no espectacular marco das paisaxes de primavera dos Ancares lucenses.


ATENCIÓN: MATRÍCULA ATA O 3 DE MAIO; PRAZAS LIMITADAS.
Máis información, programa da actividade e ficha de inscrición en