Sunday, March 19, 2017

COMUNIX escola comunitaria - montes veciñais solicitudes ate 10 abril

 A cooperativa Trespés ven desenvolvendo diferentes proxectos centrados na realidade dos montes veciñais na Galiza, como o documentario En todas as mans. É agora que, en parceria co CES (Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra) e a Partezipanza, entidade italiana, promove o proxecto Comunix, que conta co apoio económico da Unión Europea a través do programa Erasmus +, e que está centrado na realidade das terras comunitarias. O obxectivo principal do COMUNIX é capacitar a xuventude para a participación activa no goberno democrático das áreas comunitarias na Europa, a través de Escolas Comunitarias. A principal forma de terra comunitaria na Galiza son os montes veciñais en man común. En Portugal desígnanse por baldios, e na Italia por "Partecipanza". Trátase de terras comúns gobernadas de forma democrática a través de réximes de propiedade colectiva con base en dereitos de uso e aproveitamentos tradicionais que sobreviviron até hoxe. As áreas comunitarias adquiriron unha importancia central na procura de respostas á crise económica, ambiental e democrática. Mais un dos desafíos que enfronta esta realidade, é a falla de relevo xeracional. Existe unha grande desconexión entre a xuventude e estas realidades, unha problemática común nos tres países participantes no proxecto, o que supón unha grave ameaza para a súa continuidade. Na Galiza, o proxecto Comunix pretende involucrar a xuventude das parroquias con montes veciñais nesta realidade próxima. Con esta finalidade, o Comunix promove o desenvolvemento de dúas escolas comunitarias en Portugal e Galiza. Durante dúas semanas, unha na Galiza e outra en Portugal, as/os participantes van coñecer os recursos naturais que existen neses lugares, os seus usos e os desafíos de os gobernar en común, para que podan soportar modos de vida mais sustentábeis e mais xustos. Aprenderán cales son os procesos de participación na tomada de decisións en común relacionadas coa xestión dos recursos deses territorios.
A Escola Comunitaria COMUNIX vai decorrer na segunda quincena de Agosto de 2017 en dous lugares: nun monte veciñal na Galiza (Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra) e nun baldio en Portugal (Baldio dos Lugares da Extinta Freguesía de Vilarinho, Lousã).
Nestas escolas participarán 21 mozos e mozas dos tres países, residentes en comunidades locais que xestionen terras comunitarias. Haberá 10 residentes na Galiza, 10 residentes en Portugal e 1 residente na Italia.
Durante a Escola Comunitaria os participantes terán todos os gastos pagos, incluíndo viaxes, estadía e alimentación. Poderán participar en todas as actividades do programa incluíndo xogos, formacións con diversos especialistas, deportes de montaña, visitas nocturnas e moitas outras experiencias!
Desde o pasado 10 de marzo até o 10 de abril, está aberto o proceso para que os mozos e mozas interesados en participar podan enviar a súa solicitude. Teñen de residir na Galiza. ter entre 18 e 25 anos, galego-falantes, e vivir nunha parroquia con monte veciñal.
As solicitantes deben enviar un documento que recolla, nome, enderezo, idade, ocupacións e intereses que consideren relevantes, e un texto onde respondan a cuestións como: De que forma gustarían de usar ou mellorar o monte veciñal para poder vivir mellor no lugar coa súa familia, as súas amizades e veciñanza? O que precisan de aprender para que iso sexa posíbel? . 
Deben enviar a súa solicitude para info@trespes.org.
Para máis información poden contactar en: info@trespes.org tfne: 986 110045