Os Encontros de Lúa Chea comezan a súa andaina en 2017 falando de despoboamento rural.
Nas últimas semanas a prensa informábanos de que 54 núcleos de poboación galegos quedaron abandonados no pasado 2016, e que en total xa son máis de 3500 os que se atopan nesta situación. E iso sen contar os centos e centos que quedan só cuns poucos habitantes, illados e sen servizos. Unha multitude de problemas que afectan ao noso medio rural (incendios, falta de seguridade, abandono do patrimonio...) teñen nesta falta de poboación unha das súas causas principais.
Para falar sobre esta gravísima realidade, e intentar atopar algunha posibilidade de saída dun túnel coma ese, xuntamos a María José Enríquez, enxeñeira de montes e investigadora do Laboratorio do Territorio, e a Xosé García Freire, enxeñeiro agrónomo e propietario da granxa Casa da Fonte en Mañente (Pantón).
Se queres ter máis información sobre este asunto, opinar e discutir con outras persoas interesadas, agardamos por ti este xoves, 9 de febreiro, ás 20 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior.
[Os Encontros de Lúa Chea son unha actividade organizada por Proxéctate en Galego (http://www.usc.gal/gl/proxectos/proxectate/) da que podes obter máis información en http://www.usc.gal/gl/proxectos/proxectate/luachea_2017.html]