Máis de 20 persoas participan este sábado 27 de outubro na xornada de agroecoloxía ‘Unha montaña
de oportunidades’, un foro organizado pola USC en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, o
Concello de Folgoso do Courel que se desenvolverá nas instalacións da Estación Científica do Courel
e a través do que se procura favorecer o debate e a reflexión desde a perspectiva da agroecoloxía
no deseño de agroecosistemas con criterios ecolóxicos.
O programa desta xornada, que se prolongará en quenda de mañá e tarde, comezará ás 9.30 horas
cun breve acto inaugural no que intervirán o director da Estación Científica do Courel, o
catedrático Antonio Rigueiro; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández, e a
alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro.
Unha vez rematada a sesión inaugural, o profesor da USC e vicepresidente da Sociedade Española
de Agricultura Ecolóxica (Seae), Xan Neira Seijo, abrirá a quenda de relatorios cunha intervención
na que afondará sobre as oportunidades que depara a agroecoloxía. De seguido, o consultor
agroecolóxico Franco Llobera tratará cuestións referidas ao deseño de políticas sociais acaídas
para o impulso de procesos de desenvolvemento comunitario, así como outros aspectos ligados aos
desenvolvemento agroecolóxico, economía circular e sistemas agroalimentarios.
Os indicadores da calidade dos solos para avaliar a súa fertilidade, e a biomímese como ciencia
imitadora da vida son os temas sobre os que disertarán Claudia Hidalgo e Jorge Etchevers, do
Colexio Posgraduados de México. Xa en quenda de tarde, Llobera afondará sobre a intelixencia
territorial e colectiva, os planos de desenvolvemento rural e o deseño de políticas
públicas.
O director da Estación Científica do Courel e catedrático da USC, Antonio Rigueiro, ofrecerá
neste foro unha charla baixo o título ‘Sistemas silvopastorais: unha práctica agroecolóxica’. De
seguido, a tamén catedrática da USC e coordinadora do proxecto europeo Afinet, Rosa Mosquera,
pechará a quenda de intervencións cun relatorio sobres sistemas agroforestais e cambio
climático.