Thursday, June 30, 2011

DOCUMENTAL: The Plow that Broke the Plains (1936)



Este breve documental foi dirixido en 1936 por Pare Lorentz e contou coa colaboración na banda sonora do músico Virgil Thomson, un grande afeccionado coma el da música popular (folk e relixiosa) das grandes chairas norteamericanas. O filme contou co financiamento do goberno estadounidense a través da Resettlement Administration, unha das numerosas axencias federais creadas ao abeiro do New Deal durante o primeiro mandato de F.D. Roosevelt (1933-1937) para combater os efectos da Gran Depresión.

Ao tempo que, como era de agardar, reinvindica a a bondade das políticas rooseveltianas para a agricultura e o mundo rural, o documental amosa os efectos económicos, medioambientais e sociais do desenvolvemento incontrolado do monocultivo cerealeiro na rexión das Grandes Chairas. A comezos da década de 1930, a suma dunhas prácticas agrícolas intensivas, os tradicionais fortes ventos da área e unha seca prolongada xerou a Dust Bowl (a Cunca de Po), unha ampla área (uns 400.000 Km2) afectada por constantes tormentas de po producido pola erosión dos solos. As terras tornaron ermas, centos de milleiros de familias perderon as súas granxas e tiveron que deixar os seus fogares en Oklahoma, Colorado, Novo México ou Texas na procura de traballo e sustento. A maioría dirixiuse cara California e outros estados da costa Oeste onde atoparon unhas moi precarias condicións de vida e traballo. A súa epopea inspirou dúas excelentes novelas de John Steinbeck, De ratos e homes (1937) e As uvas da ira (1939), base da maxistral película homónima de John Ford, estreada en 1940.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE:
PARA CONTEXTUALIZAR: unha liña do tempo en TIMERIME sobre a Great Depresion e o New Deal

No comments:

Post a Comment