Proxección do filme : "En todas as mans"
Martes 17 de novembro
18:00h - Salón de actos - Fac. de Humanidades
Esta proxección complementarase o martes 24 de novembro coa mesa de debate "A propiedade veciñas: o futuro nas nosas mans" na que estará presente, entre outras persoas, o co-guionista e produtor executivo do filme.
Máis información na entrada anterior deste mesmo blog.
“Visibilizar o veciñal :
no
país do minifundismo existe unha realidade que é de todos e, ao tempo, de
ninguén. Unha realidade silente, mais activa, que resiste o paso dos séculos e
os sucesivos ataques por diferentes medios. O monte veciñal en mancomún ou
baldío, aquela porción de territorio xestionada de forma directa pola
veciñanza, é unha realidade tan viva como descoñecida na Galiza e Portugal.
Unha realidade que sitúa ao morador dunha parroquia ou freguesía no epicentro
da acción política do seu propio territorio. Os baldíos ou montes veciñais son
unha figura que implica a miles de persoas que xestionan máis dun millón de
hectáreas nos dous países de forma directa, sen intermediacións nin
delegacións. Na Europa do libre comercio, esta é unha realidade única, que
conforma parte do seu máis rico patrimonio cultural.
En todas as mans é unha peza audiovisual que
pretende mostrar a actividade destas comunidades e a vida dos seus
protagonistas acompañadas de voces expertas da economía, xudicatura,
ecoloxismo, historia ou activismo social. A suma ofrécenos un diverso elenco de
usos, reflexións, problemáticas e propostas á volta da xestión comunitaria do
monte na Galiza e Portugal. Un documentario que abre as cancelas do monte ao
futuro.
O proxecto “En todas as
mans” non pretendeu ser unicamente un documentario, senón que o longo proceso
de produción foi ideado desde unha perspectiva máis alargada.
Durante os case catro
anos do proceso, a cooperativa Trespés procurou construír unha comunidade de
persoas e entidades amigas do documentario. Así, participamos en ducias de
presentacións en asociacións, xornadas, congresos, comunidades de montes,
centros sociais… no territorio galego-portugués. Mediante as redes sociais e a
presenza na prensa contribuímos a colocar, xunto con outras entidades, o
comunitarismo no debate público.
A
estratexia de financiamento do documentario partiu da filosofía da suma dos
poucos para conseguir o todo. Así, foron máis de 250 persoas, unha vintena de
entidades e 19 montes veciñais as que forman parte do elenco de mecenas de “En
todas as mans” sen as que non sería posíbel acabar o proxecto. Para nós,
realizar o documentario é unha cuestión que transcende o puramente
cinematográfico para se situar no social e o político. O proceso foi demorado,
mais as sinerxías acadadas alértannos da necesidade de continuar a reivindicar
os montes veciñais e os baldíos como ferramentas de futuro.” www.entodasasmans.com
Dirección: Diana Toucedo -Guión: Diana Toucedo e Alberte Román -Dirección de fotografía: Iván Castiñeiras. -Son directo: Ricardo Román -Montaxe: Diana Toucedo -Música: Germán Díaz - Produción: Trespés Cooperativa Galega
No comments:
Post a Comment