A cooperativa Trespés ven desenvolvendo diferentes proxectos centrados na
realidade dos montes veciñais na Galiza, como o documentario En todas
as mans. É agora que, en parceria co CES (Centro de Estudos Sociais da
Universidade de Coimbra) e a Partezipanza, entidade italiana, promove o
proxecto Comunix, que conta co apoio económico da Unión Europea a través
do programa Erasmus +, e que está centrado na realidade das terras
comunitarias. O obxectivo
principal do COMUNIX é capacitar a xuventude para a participación activa
no goberno democrático das áreas comunitarias na Europa, a través de
Escolas Comunitarias.
A principal forma de terra comunitaria na Galiza son os montes veciñais
en man común. En Portugal desígnanse por baldios, e na Italia por
"Partecipanza". Trátase de terras comúns gobernadas de forma democrática
a través de réximes de propiedade colectiva con base en dereitos de uso
e aproveitamentos tradicionais que sobreviviron até hoxe. As áreas
comunitarias adquiriron unha importancia central na procura de respostas
á crise económica, ambiental e democrática. Mais un dos desafíos que
enfronta esta realidade, é a falla de relevo xeracional. Existe unha
grande desconexión entre a xuventude e estas realidades, unha
problemática común nos tres países participantes no proxecto, o que
supón unha grave ameaza para a súa continuidade. Na Galiza, o proxecto
Comunix pretende involucrar a xuventude das parroquias con montes
veciñais nesta realidade próxima. Con esta finalidade, o Comunix promove
o desenvolvemento de dúas escolas comunitarias en Portugal e Galiza.
Durante dúas semanas, unha na Galiza e outra en Portugal, as/os
participantes van coñecer os recursos naturais que existen neses
lugares, os seus usos e os desafíos de os gobernar en común, para que
podan soportar modos de vida mais sustentábeis e mais xustos. Aprenderán
cales son os procesos de participación na tomada de decisións en común relacionadas coa xestión dos recursos deses territorios.
A Escola Comunitaria COMUNIX vai decorrer na segunda quincena de Agosto de 2017 en dous lugares: nun monte veciñal na Galiza (Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra) e nun baldio en Portugal (Baldio dos Lugares da Extinta Freguesía de Vilarinho, Lousã).
Nestas
escolas participarán 21 mozos e mozas dos tres países, residentes en
comunidades locais que xestionen terras comunitarias. Haberá 10 residentes na Galiza, 10 residentes en Portugal e 1 residente na Italia.
Durante a Escola Comunitaria os participantes terán todos os gastos pagos,
incluíndo viaxes, estadía e alimentación. Poderán participar en todas
as actividades do programa incluíndo xogos, formacións con diversos
especialistas, deportes de montaña, visitas nocturnas e moitas outras
experiencias!
Desde
o pasado 10 de marzo até o 10 de abril, está aberto o proceso para que
os mozos e mozas interesados en participar podan enviar a súa
solicitude. Teñen de residir na Galiza. ter entre 18 e 25 anos,
galego-falantes, e vivir nunha parroquia con monte veciñal.
As
solicitantes deben enviar un documento que recolla, nome, enderezo,
idade, ocupacións e intereses que consideren relevantes, e un texto onde
respondan a cuestións como: De que forma gustarían de usar ou mellorar o
monte veciñal para poder vivir mellor no lugar coa súa familia, as súas
amizades e veciñanza? O que precisan de aprender para que iso sexa
posíbel? .
Deben enviar a súa solicitude para info@trespes.org.
Para máis información poden contactar en: info@trespes.org tfne: 986 110045
No comments:
Post a Comment