A Comisión de
Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus
Terra da USC organiza o vindeiro 17 de outubro unha camiñada pola ribeiras do
río Miño, na que participarán como guías Manuel Antonio Rodríguez Guitián,
profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC,
e Ana Cabana Iglesia, profesora do Departamento de Historia da USC (integrante do colectivo de innovación docente RURALIA).
As persoas
interesadas en tomar parte nesta actividade, para a que se ofrece un número
limitado de prazas a fin de mellorar o aproveitamento desta experiencia, poden
formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo
electrónico esther.gomez@usc.es.
As ribeiras do
Miño son un espazo moi interesante a nivel biolóxico (paisaxes agrícolas,
vexetación de ribeira, aves acuáticas, pequenos mamíferos, réptiles e
anfibios...), pero tamén desde o punto de vista histórico e antropolóxico.
Séculos de actividade humana nas súas beiras e no seu leito foron deixando unha
pegada en forma de aceas, lavadoiros, caneiros... que revelan a importancia que
o río tiña para a vida da cidade, se somos quen de entender os sinais que
transmiten.
A camiñada
organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría de
Lugo polas ribeiras do río Miño presenta un nivel de dificultade baixo. A
expedición de camiñantes partirá ás 16.00 horas desde a pasarela de madeira que
conecta a sede universitaria luguesa co paseo do Miño, lugar ao que regresarán
todos os camiñantes arredor das 20.00 horas, unha vez completado o recorrido
deseñado.