Monday, October 9, 2017

RUTA polos CANEIROS de LUGO - 17 de outubro


A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC organiza o vindeiro 17 de outubro unha camiñada pola ribeiras do río Miño, na que participarán como guías Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, e Ana Cabana Iglesia, profesora do Departamento de Historia da USC (integrante do colectivo de innovación docente RURALIA).
 
As persoas interesadas en tomar parte nesta actividade, para a que se ofrece un número limitado de prazas a fin de mellorar o aproveitamento desta experiencia, poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico esther.gomez@usc.es.
 
As ribeiras do Miño son un espazo moi interesante a nivel biolóxico (paisaxes agrícolas, vexetación de ribeira, aves acuáticas, pequenos mamíferos, réptiles e anfibios...), pero tamén desde o punto de vista histórico e antropolóxico. Séculos de actividade humana nas súas beiras e no seu leito foron deixando unha pegada en forma de aceas, lavadoiros, caneiros... que revelan a importancia que o río tiña para a vida da cidade, se somos quen de entender os sinais que transmiten.
 
A camiñada organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría de Lugo polas ribeiras do río Miño presenta un nivel de dificultade baixo. A expedición de camiñantes partirá ás 16.00 horas desde a pasarela de madeira que conecta a sede universitaria luguesa co paseo do Miño, lugar ao que regresarán todos os camiñantes arredor das 20.00 horas, unha vez completado o recorrido deseñado.

No comments:

Post a Comment