Tuesday, February 3, 2015



VIII encontro de debate sobre o medio rural - Samos (7, 8 e 9 - marzo)

 ALTERNATIVAS EDUCATIVAS 
DE DESENVOLVEMENTO RURAL COMUNITARIO
  Información completa e inscrición aquí

A escola rural, inserida no seu medio e permeable á cultura comunitaria, é considerada como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias que acadan sempre recoñecemento no ámbito profesional e unha forte consideración nas súas comunidades de referencia e entre a cidadanía. No pasado, a escola rural foi considerada un referente cultural –ás veces, o único– de primeira magnitude. Aquelas escolas comunitarias son o xerme do que hoxe se considera un dos referentes pedagóxicos máis ricos: as denominadas “comunidades de aprendizaxe”. Estas experiencias contan coa capacidade pedagóxica da propia comunidade e contribúen á consecución de aprendizaxes máis significativas e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación; son pois experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos particulares territorios de convivencia, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.

Diversos exemplos de iniciativas públicas deste tipo, pero tamén de escolas libres autoxestionadas, terán o seu espazo no programa da oitava edición do Encontro, que nesta ocasión levará por título ALTERNATIVAS EDUCATIVAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL COMUNITARIO precisamente coa intención de poñermos o acento na dimensión comunitaria que todo proceso de desenvolvemento sociocultural e educativo ha de posuír, e moi especialmente cando se contextualiza no medio rural. O Encontro realizarase na fermosa vila de Samos (Lugo), concretamente no seu CEIP, co propósito de poñermos de relevancia e apoiar a modélica experiencia socioeducativa que a comunidade escolar local, especialmente sensibilizada a prol do medio rural, leva realizando nos últimos anos na liña antes sinalada.

A actividade realizarase en horario intensivo o sábado 7 (todo o día) e o domingo 8 (só de mañá) de marzo de 2015, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, mesa redonda, presentación de experiencias e boas prácticas educativo-rurais, un obradoiro sobre materiais didácticos) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para poñer de manifesto e gozar a cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música e baile da terra, literatura oral, artesanía, patrimonio arqueolóxico, poesía do labrego das letras (o poeta local Fiz Vergara Vilariño).

O grupo de educación no rural de NEG e a Asociación Un paso polo futuro (colectivo de nais e pais do CEIP de Samos) convocan pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada pulo futuro do medio rural, para que se animen a participar nestas dúas xornadas de análise pedagóxica, reflexión comunitaria e convivencia compartida.




Wednesday, January 7, 2015

ENTODASASMANS proxecto audiovisual sobre as comunidades de montes

  
EN TODAS AS MANS
É un proxecto comunitario para a creación dun audiovisual que pretende mostrar o mundo
do monte veciñal galego. "Ao tempo, queremos sinalar as potencialidades que ten como ferramenta válida para a xestión e custodia do territorio próximo. Pretendemos sinalar a titularidade comunitaria como un elemento que fai parte do patrimonio cultural galego. Queremos que este proxecto sirva como recoñecemento para as persoas que conforman as comunidades de montes, os comuneiros e comuneiras. Desexamos estimular a súa participación e o orgullo por poder participar dun xeito de xestión do territorio propia, ao tempo que esa apreciación se expande ao conxunto da cidadanía galega."
Para máis información 



Tuesday, July 1, 2014

BANDA DESEÑADA: "Rural. Crónica de un conflicto", de Étiene Davodeau

Étienne DAVODEAU, Rural. Crónica de un conflicto, Barcelona, Ediciones de la Cúpula, 2013 [ed. orix. francesa, Eds. Delcourt, 2001]
Rural é un interesante exercicio de BD-documental onde o autor, segundo proclama no preámbulo, pretende plasmar "o relato dun anaco da nosa vella amiga a realidade". Ese anaco de realidade sitúase nunha pequena comunidade rural do departamento francés de Maine-et-Loire entre os veráns de 1999 e 2000 con algunhas regresións temporais necesarias para contextualizar o conflito ao que fai referencia o subtítulo da obra. A construción dunha autoestrada (a A-87) altera o proxecto económico e vital de moitos dos seus veciños, singularmente unha parella de neorrurais, que perderá por mor da obra a súa casa, froito de dez anos de duro traballo de rehabilitación, e tres labregos novos que asociados nunha AAEC (Agrupación Agrícola de Explotación en Común) están a levar adiante unha granxa ecolóxica de vacún para a produción de leite.
Identificamos perfectamente os diferentes actores do conflito: sectores enfrontados da comunidade, as autoridades locais e estatais, a concesionaria ASF (Autoestradas do Sur de Francia). Un marco institucional onde Sindicatos (dende a poderosa FNSA ata a Confederation Paysanne), asociacións de produtores, axencias de certificación xogan o seu papel. Podemos seguir o desenvolvemento do conflito pero tamén o ritmo regular dos labores cotiás da casa duns e da granxa dos outros.
En síntese un bo punto de partida para debater sobre as mudanzas acontecidas no mundo rural nas últimas décadas. Como conclúe o autor: "o valado [da autoestrada] separa dúas formas de proceder: dunha banda, un novo enfoque do medio ambiente respectuoso, lixeiro e sostible; da outra, unha infraestrutura pesada e contaminante que se impón pola forza en nome da rendabilidade a curto prazo. O inconvinte deste tipo de barreira é que, por forza, hai que se situar dunha banda ou da outra dela. Se te sentas enriba, pícaste o cú"