Tuesday, February 3, 2015

VIII encontro de debate sobre o medio rural - Samos (7, 8 e 9 - marzo)

 ALTERNATIVAS EDUCATIVAS 
DE DESENVOLVEMENTO RURAL COMUNITARIO
  Información completa e inscrición aquí

A escola rural, inserida no seu medio e permeable á cultura comunitaria, é considerada como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias que acadan sempre recoñecemento no ámbito profesional e unha forte consideración nas súas comunidades de referencia e entre a cidadanía. No pasado, a escola rural foi considerada un referente cultural –ás veces, o único– de primeira magnitude. Aquelas escolas comunitarias son o xerme do que hoxe se considera un dos referentes pedagóxicos máis ricos: as denominadas “comunidades de aprendizaxe”. Estas experiencias contan coa capacidade pedagóxica da propia comunidade e contribúen á consecución de aprendizaxes máis significativas e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación; son pois experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos particulares territorios de convivencia, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.

Diversos exemplos de iniciativas públicas deste tipo, pero tamén de escolas libres autoxestionadas, terán o seu espazo no programa da oitava edición do Encontro, que nesta ocasión levará por título ALTERNATIVAS EDUCATIVAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL COMUNITARIO precisamente coa intención de poñermos o acento na dimensión comunitaria que todo proceso de desenvolvemento sociocultural e educativo ha de posuír, e moi especialmente cando se contextualiza no medio rural. O Encontro realizarase na fermosa vila de Samos (Lugo), concretamente no seu CEIP, co propósito de poñermos de relevancia e apoiar a modélica experiencia socioeducativa que a comunidade escolar local, especialmente sensibilizada a prol do medio rural, leva realizando nos últimos anos na liña antes sinalada.

A actividade realizarase en horario intensivo o sábado 7 (todo o día) e o domingo 8 (só de mañá) de marzo de 2015, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, mesa redonda, presentación de experiencias e boas prácticas educativo-rurais, un obradoiro sobre materiais didácticos) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para poñer de manifesto e gozar a cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música e baile da terra, literatura oral, artesanía, patrimonio arqueolóxico, poesía do labrego das letras (o poeta local Fiz Vergara Vilariño).

O grupo de educación no rural de NEG e a Asociación Un paso polo futuro (colectivo de nais e pais do CEIP de Samos) convocan pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada pulo futuro do medio rural, para que se animen a participar nestas dúas xornadas de análise pedagóxica, reflexión comunitaria e convivencia compartida.




No comments:

Post a Comment