Sunday, March 19, 2017

COMUNIX escola comunitaria - montes veciñais solicitudes ate 10 abril

 A cooperativa Trespés ven desenvolvendo diferentes proxectos centrados na realidade dos montes veciñais na Galiza, como o documentario En todas as mans. É agora que, en parceria co CES (Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra) e a Partezipanza, entidade italiana, promove o proxecto Comunix, que conta co apoio económico da Unión Europea a través do programa Erasmus +, e que está centrado na realidade das terras comunitarias. O obxectivo principal do COMUNIX é capacitar a xuventude para a participación activa no goberno democrático das áreas comunitarias na Europa, a través de Escolas Comunitarias. A principal forma de terra comunitaria na Galiza son os montes veciñais en man común. En Portugal desígnanse por baldios, e na Italia por "Partecipanza". Trátase de terras comúns gobernadas de forma democrática a través de réximes de propiedade colectiva con base en dereitos de uso e aproveitamentos tradicionais que sobreviviron até hoxe. As áreas comunitarias adquiriron unha importancia central na procura de respostas á crise económica, ambiental e democrática. Mais un dos desafíos que enfronta esta realidade, é a falla de relevo xeracional. Existe unha grande desconexión entre a xuventude e estas realidades, unha problemática común nos tres países participantes no proxecto, o que supón unha grave ameaza para a súa continuidade. Na Galiza, o proxecto Comunix pretende involucrar a xuventude das parroquias con montes veciñais nesta realidade próxima. Con esta finalidade, o Comunix promove o desenvolvemento de dúas escolas comunitarias en Portugal e Galiza. Durante dúas semanas, unha na Galiza e outra en Portugal, as/os participantes van coñecer os recursos naturais que existen neses lugares, os seus usos e os desafíos de os gobernar en común, para que podan soportar modos de vida mais sustentábeis e mais xustos. Aprenderán cales son os procesos de participación na tomada de decisións en común relacionadas coa xestión dos recursos deses territorios.
A Escola Comunitaria COMUNIX vai decorrer na segunda quincena de Agosto de 2017 en dous lugares: nun monte veciñal na Galiza (Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra) e nun baldio en Portugal (Baldio dos Lugares da Extinta Freguesía de Vilarinho, Lousã).
Nestas escolas participarán 21 mozos e mozas dos tres países, residentes en comunidades locais que xestionen terras comunitarias. Haberá 10 residentes na Galiza, 10 residentes en Portugal e 1 residente na Italia.
Durante a Escola Comunitaria os participantes terán todos os gastos pagos, incluíndo viaxes, estadía e alimentación. Poderán participar en todas as actividades do programa incluíndo xogos, formacións con diversos especialistas, deportes de montaña, visitas nocturnas e moitas outras experiencias!
Desde o pasado 10 de marzo até o 10 de abril, está aberto o proceso para que os mozos e mozas interesados en participar podan enviar a súa solicitude. Teñen de residir na Galiza. ter entre 18 e 25 anos, galego-falantes, e vivir nunha parroquia con monte veciñal.
As solicitantes deben enviar un documento que recolla, nome, enderezo, idade, ocupacións e intereses que consideren relevantes, e un texto onde respondan a cuestións como: De que forma gustarían de usar ou mellorar o monte veciñal para poder vivir mellor no lugar coa súa familia, as súas amizades e veciñanza? O que precisan de aprender para que iso sexa posíbel? . 
Deben enviar a súa solicitude para info@trespes.org.
Para máis información poden contactar en: info@trespes.org tfne: 986 110045

Thursday, March 16, 2017

XORNADAS FORESTAIS - 18 de marzo - O VICEDO



Nordés organiza unhas xornadas que pretenden ser un punto de inflexión para a nosa zona. Dende o século XIX o eucalipto comeza a expandirse pola zona costeira do Ortegal e A Mariña sustituíndo o bosque autóctono e aquelas parcelas adicadas a cultivos e pastoreo que quedan sen uso. A rentabilidade económica do eucalipto ante outras especies fixo que na paisaxe costeira se convertese no rei. Mais.. Por que? Era realmente a única alternativa? Existen hoxe en día outras que beneficie a propietarios e medio ambiente? A quen é favorable a lexislación actual? Como deberíamos interpretala?
Para repostar a estas preguntas e achegar a toda a poboación as posibilidades que existen hoxe en día en canto ao aproveitamento do noso monte, organizamos as seguintes charlas para a xornada do sábado 18 de marzo, a partir das 6 da tarde, na Casa da Cultura do Vicedo:
Xosé Abeiros, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), presentará o proxecto "Cousas de raíces" que naceu no 2014 onde afondará nas alternativas ao eucalipto e na lexislación galega. 
Sergio París, Enxeñeiro Técnico Forestal, aportaranos unha visión xeral sobre os usos do monte galego, así como a súa utilidade para a cidadanía e o impacto do eucalipto ao longo dos anos. 
Para finalizar esta xornada contaremos coa experiencia de Fran Domínguez, resineiro de Loiba, que nos falará do aproveitamento alternativo do noso bosque.

Tuesday, March 14, 2017

ENCONTROS de XOVES de LÚA CHEA - 16 marzo 20h - EPS


A introdución nun ecosistema de plantas ou animais alleos a el é un fenómeno que se vén producindo desde hai miles de anos. Pero unha visión máis produtivista da natureza, e o aumento dos movementos de produtos e persoas dunhas partes a outras do mundo provocaron que este fenómeno se estea intensificando nos últimos anos. Así, canda especies que xa estamos afeitos a ver, como a mimosa, a perca ou a cata arxentina, escoitamos cada vez con máis frecuencia noticias de que novos visitantes pretenden instalarse entre nós: os mapaches, a cortadeira, a avespa velutina, o xacinto de auga, os sapoconchos americanos ou a couza guatemalteca que acadou fama mediática nestas últimas semanas.
E para falar de especies invasoras, nada mellor ca talento autóctono... Por iso, contamos con tres docentes da Escola Politécnica Superior: Cristina Cabaleiro Sobrino, da área de Produción Vexetal e Xan Neira Seijo, do Departamento de Enxeñaría Agroforestal van presentar e situar o tema antes de dar paso ás intervencións abertas, e Benigno Ruíz Nogueiras (área de Produción Vexetal) vaise encargar de presentar e moderar o acto.



Thursday, February 2, 2017

ENCONTROS de XOVES de LÚA CHEA - ALDEAS ABANDONADAS - 9 febreiro

Os Encontros de Lúa Chea comezan a súa andaina en 2017 falando de despoboamento rural.

Nas últimas semanas a prensa informábanos de que  54 núcleos de poboación galegos quedaron abandonados no pasado 2016, e que en total xa son máis de 3500 os que se atopan nesta situación. E iso sen contar os centos e centos que quedan só cuns poucos habitantes, illados e sen servizos. Unha multitude de problemas que afectan ao noso medio rural (incendios, falta de seguridadeabandono do patrimonio...) teñen nesta falta de poboación unha das súas causas principais.

Para falar sobre esta gravísima realidade, e intentar atopar algunha posibilidade de saída dun túnel coma ese, xuntamos a María José Enríquez, enxeñeira de montes e investigadora do Laboratorio do Territorio, e a Xosé García Freire, enxeñeiro agrónomo e propietario da granxa Casa da Fonte en Mañente (Pantón).

Se queres ter máis información sobre este asunto, opinar e discutir con outras persoas interesadas, agardamos por ti este xoves, 9 de febreiro, ás 20 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior.

[Os Encontros de Lúa Chea son unha actividade organizada por Proxéctate en Galego (http://www.usc.gal/gl/proxectos/proxectate/) da que podes obter máis información en http://www.usc.gal/gl/proxectos/proxectate/luachea_2017.html]