Wednesday, June 6, 2012

DOCUMENTAIS: Os fondos videográficos do Ministerio de Agricultura



O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente conta cun amplo catálogo de documentais sobre temática agraria e rural que se remonta a 1895. Mostras deste fondo histórico poden visionarse en RURALMEDIA, proxecto desenvolvido en colaboración cos Ministerios de Agricultura de Francia e os Países Baixos.
Inserimos nesta entrada un dos documentais do fondo, o titulado "La mujer y la comunidad rural", grabado en 1969 na parroquia de San Xiao de Vigo (Paderne, preto de Betanzos). Trata do papel da comunidade parroquial, ben coñecida, por outra banda, nas Mariñas polas súas festas patronais, e do Servicio de Extensión Agraria (iso si, o Axente de Extensión traballa cos homes e a Axente de Economía Doméstica faino coas mulleres mulleres) na organización colectiva para a construción da traída de augas e das vantaxes que esta obra representou para homes, mulleres e mozos (e as mozas?).

Monday, December 5, 2011

DOCUMENTAL: O poder do diñeiro (DOCUMENTOS TV)

Onte na 2, botaron un interesante documental sobre a racionalidade das decisións económicas e os factores sicolóxicos que contribúen a explicar os crash económico financeiros. Para os lectores de Kindleberger poida que o documental non aporte moito, pero a súa linguaxe sinxela e directa pode facilitar o achegamento a estas cuestións do público en xeral

Podes ver o documental nesta ligazón

Thursday, June 30, 2011

DOCUMENTAL: The Plow that Broke the Plains (1936)



Este breve documental foi dirixido en 1936 por Pare Lorentz e contou coa colaboración na banda sonora do músico Virgil Thomson, un grande afeccionado coma el da música popular (folk e relixiosa) das grandes chairas norteamericanas. O filme contou co financiamento do goberno estadounidense a través da Resettlement Administration, unha das numerosas axencias federais creadas ao abeiro do New Deal durante o primeiro mandato de F.D. Roosevelt (1933-1937) para combater os efectos da Gran Depresión.

Ao tempo que, como era de agardar, reinvindica a a bondade das políticas rooseveltianas para a agricultura e o mundo rural, o documental amosa os efectos económicos, medioambientais e sociais do desenvolvemento incontrolado do monocultivo cerealeiro na rexión das Grandes Chairas. A comezos da década de 1930, a suma dunhas prácticas agrícolas intensivas, os tradicionais fortes ventos da área e unha seca prolongada xerou a Dust Bowl (a Cunca de Po), unha ampla área (uns 400.000 Km2) afectada por constantes tormentas de po producido pola erosión dos solos. As terras tornaron ermas, centos de milleiros de familias perderon as súas granxas e tiveron que deixar os seus fogares en Oklahoma, Colorado, Novo México ou Texas na procura de traballo e sustento. A maioría dirixiuse cara California e outros estados da costa Oeste onde atoparon unhas moi precarias condicións de vida e traballo. A súa epopea inspirou dúas excelentes novelas de John Steinbeck, De ratos e homes (1937) e As uvas da ira (1939), base da maxistral película homónima de John Ford, estreada en 1940.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE:
PARA CONTEXTUALIZAR: unha liña do tempo en TIMERIME sobre a Great Depresion e o New Deal