La
plaga [A praga]
Dirección
:
Neus Ballús
Guión: Neus Ballús,
Pau Subirós, Iñaki Lacuesta e Isa Campo
Fotografía:
Diego Dussuel Música: David Crespo
Protagonistas: Raül
Molist, Maria Ros, Rosemarie Abella, Iurie Timbur, Maribel Martí
Ano: 2013
/ Duración 85 min.
Sinopse: Raül, un campesiño que tenta facer produción ecolóxica,
contrata a Iurie para que o axude no campo. Iurie é un loitador de loita libre,
pero ten que traballar do que saia. Devagar, mentres o verán avanza, as
historias destes dous homes entrelázanse coas de tres mulleres: María, unha
anciá que debe abandonar o campo, Rose, unha enfermeira filipina que ven de
chegar ao país e Maribel, unha prostituta que traballa dende hai anos nos
camiños.
«Na súa
primeira longametraxe, Neus Ballús sérvese da capacidade de mergullarse no real da súa
traxectoria como directora de documentais para propor un filme dobremente
fronteirizo. La plaga
habita ese territorio cada vez máis fértil situado na encrucillada da ficción e
a non ficción para falar, literalmente, da fronteira, das últimas zonas de
resistencia do rural no Gallecs,
espazo a cabalo das comarcas do Vallés Oriental et o Vallés Occidental que, en
1968, correu o risco de desaparecer baixo o proxecto de construción dunha
cidade dormitorio […]
O filme de
Ballús reúne un grupo heteroxéneo de personaxes que se interpretan a si mesmas
no que funciona coma un extraordinario western
lírico. […] La plaga fotografía a
personalidade dunha comunidade entre estas dispares personaxes a través de
xestos sutís de comunicación e afecto que alcanzan esmagadoras resonancias. La plaga parece non estar
contando nada para contalo todo […] nun mosaico de personaxes construídas coa
esixencia de quedarse co esencial e non permitir a entrada na montaxe final de
ningunha imaxe irrelevante.
Este suposto
western crepuscular remata converténdose
no seu aparente contrario: un relato fundacional (político e xenerosamente
humanista) sobre novas relación e resistencias, porque o sentido último de La plaga non é tanto o de
rexistrar a desaparición dun mundo, se non o de propoñer o fortalecemento
dun novo, fundamentado na comunicación e
a comprensión do outro, no que semella un territorio asediado.» Jordi Costa “Un western lírico” – El país, 6.09.2013
O Plan Director
da área Metropolitana de Barcelona de 1968 prevía a construción no Gallecs, 15 km ao norte de Barcelona, na comarca do
Vallès Oriental, dunha
área urbana para 130.000 habitantes. As propiedades foron expropiadas, pero
unha grande mobilización por parte da cidadanía conseguiu paralizar o proxecto.
En outubro de 2009 a Generalitat de Catalunya incluíu El Gallecs no PEIN (Pla
d'Espais d'Interès Natural). Este territorio agroforestal de 774ha, é un espazo periurbano
con valores medioambientais, paisaxísticos e culturais, no que a agricultura
ecolóxica comeza a abrirse camiño dentro da vida activa do mundo rural. Associació Agroecològica de Gallecs : http://www.aegallecs.cat/
Neus Ballús ( Mollet del Vallès - Vallès
Oriental – 1980)
Directora,
guionista de cinema e produtora audiovisual. Ten realizado varias curtametraxes
así como o documental 'Immersion' (2009) e estivo ao mando das
series documentais 'Barcelona any zero' e 'Barcelona any 1'. É Cofundadora,
con Pau Subirós, da productora “El Kinògraf”. A súa primeira longametraxe é La
plaga, filme no que investirá
catro anos de traballo prévio e convivencia coas -protagonistas.