Thursday, February 19, 2015

II CICLO de CINEMA RURAL en LINGUA PROPIA - 1ª sesión

 


La plaga   [A praga]
Dirección : Neus Ballús
Guión: Neus Ballús, Pau Subirós, Iñaki Lacuesta e Isa Campo
Fotografía: Diego Dussuel        Música: David Crespo
Protagonistas: Raül Molist, Maria Ros, Rosemarie Abella, Iurie Timbur, Maribel Martí
Ano: 2013 / Duración 85 min.

Sinopse: Raül, un campesiño que tenta facer produción ecolóxica, contrata a Iurie para que o axude no campo. Iurie é un loitador de loita libre, pero ten que traballar do que saia. Devagar, mentres o verán avanza, as historias destes dous homes entrelázanse coas de tres mulleres: María, unha anciá que debe abandonar o campo, Rose, unha enfermeira filipina que ven de chegar ao país e Maribel, unha prostituta que traballa dende hai anos nos camiños.



«Na súa primeira longametraxe, Neus Ballús sérvese da  capacidade de mergullarse no real da súa traxectoria como directora de documentais para propor un filme dobremente fronteirizo. La plaga habita ese territorio cada vez máis fértil situado na encrucillada da ficción e a non ficción para falar, literalmente, da fronteira, das últimas zonas de resistencia do rural no Gallecs, espazo a cabalo das comarcas do Vallés Oriental et o Vallés Occidental que, en 1968, correu o risco de desaparecer baixo o proxecto de construción dunha cidade dormitorio […]
O filme de Ballús reúne un grupo heteroxéneo de personaxes que se interpretan a si mesmas no que funciona coma un extraordinario western lírico. […] La plaga fotografía a personalidade dunha comunidade entre estas dispares personaxes a través de xestos sutís de comunicación e afecto que alcanzan esmagadoras resonancias. La plaga parece non estar contando nada para contalo todo […] nun mosaico de personaxes construídas coa esixencia de quedarse co esencial e non permitir a entrada na montaxe final de ningunha imaxe irrelevante.
Este suposto western crepuscular remata converténdose no seu aparente contrario: un relato fundacional (político e xenerosamente humanista) sobre novas relación e resistencias, porque o sentido último de La plaga non é tanto o de rexistrar a desaparición dun mundo, se non o de propoñer o fortalecemento dun  novo, fundamentado na comunicación e a comprensión do outro, no que semella un territorio asediado.»                   Jordi Costa “Un western lírico” – El país, 6.09.2013


O Plan Director da área Metropolitana de Barcelona de 1968 prevía a construción no Gallecs, 15 km ao norte de Barcelona, na comarca do Vallès Oriental, dunha área urbana para 130.000 habitantes. As propiedades foron expropiadas, pero unha grande mobilización por parte da cidadanía conseguiu paralizar o proxecto. En outubro de 2009 a Generalitat de Catalunya incluíu El Gallecs no PEIN (Pla d'Espais d'Interès Natural).  Este territorio agroforestal de 774ha, é un espazo periurbano con valores medioambientais, paisaxísticos e culturais, no que a agricultura ecolóxica comeza a abrirse camiño dentro da vida activa do mundo rural. Associació Agroecològica de Gallecs : http://www.aegallecs.cat/
  
Neus Ballús ( Mollet del Vallès - Vallès Oriental – 1980)
Directora, guionista de cinema e produtora audiovisual. Ten realizado varias curtametraxes así como o documental  'Immersion' (2009) e estivo ao mando das series documentais 'Barcelona any zero' e 'Barcelona any 1'. É Cofundadora, con Pau Subirós, da productora “El Kinògraf”. A súa primeira longametraxe é La plaga, filme no que investirá catro anos de traballo prévio e convivencia coas -protagonistas.





No comments:

Post a Comment