Sunday, April 12, 2015

II CICLO CINEMA RURAL EN LINGUA PROPIA - 3ª sesión



A mesma terra
Realización: Yago Mazoy
Guión orixinal e entrevistas: Anxo Vázquez
Desenvolvido por: Pepe Coira e Yago Mazoy
Dirección de fotografía e montaxe : Yago Mazoy
Música orixinal : Arturo Kress
Produccións A Fonsagrada S.L.U. e televisión de Galicia S.A.
Ano: 2013  /  Duración:  55 min.

Interveñen: Rosa Guimarei López, Milagros González Refojo, Manuel Sandamil Cabana, Antonio Cabana Vila, Ramón Villares Paz, Antonio Platas Tasende, Maximino Viaño García, Fernando Barbeyto, Pepe Salvatierra, Eloi Villada, Gillermo Budiño Cajaraville, Javier Blanco Carballal, Luis Caramés Viéitez, Francisco Sineiro, Manuel Corbal Rodríguez, Antonio López Murado, Eduardo Corbelle Rico, Francisco  Ónega López.

« Nas súas entrañas xermina a vida. Pero a vida pasa e a terra... a terra permanece. En Galicia a terra está dividida en trece millóns de anacos. É o resultado dunha longa historia, a dun pais que, ata onte mesmo, se ocupou maioritariamente no traballo agrícola.  Tras séculos de loita e esforzo por posuír a terra, hoxe a meirande parte dos galegos teñen esa mesma terra abandonada.Historicamente, é un paradoxo tremendo. E de cara ao futuro é un problema que cómpre afrontar.» Con estas palabras presenta a Fonsagrada Producións (da delegación do grupo Fílmax en Galicia) o  documental producido en colaboración coa Televisión de Galicia que, sendo aínda un proxecto, levou o título de Escravos da terra, co que accedeu ao apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais en 2012. Este documental de creación mudou felizmente de nome no seu proceso de creación sen perder os trazos dunha visión concreta sobre a evolución do agro galego a cargo de Anxo Vázquez, guionista de longa traxectoria no documental agrario a través de programas de televisión como O noso agro (1989), A terra (1986), Labranza (1991) (dispoñibles en : http://www.crtvg.es/cultural/especiais).


A mesma terra realiza unha reflexión sobre o abandono histórico de terras en Galicia, e as súas implicacións na conservación da natureza e a paisaxe. A través de entrevistas a persoas implicadas directamente en explotacións rurais de diversa índole e a especialistas de diversas áreas e representantes de institucións vinculadas ao agro, o filme amosa a idiosincrasia e a problemática, social, económica e ambiental, do abandono de terras polo que ten servido en diferentes foros de fío argumental para tratar de debullar os principais retos territoriais aos que se enfronta a custodia do territorio en Galicia.

Pepe Coira Nieto (Rábade,  1963) Director do CGAI (1991-1998) encargado da promoción, difusión e recuperación do audiovisual galego. Profesor na Escola de Imaxe e Son ata o ano 2000. Profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (2004-2007) e no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña. Guionista: TVG - Extramuros (1987) e Luces da Cidade (1988-1989). Director de Desenvolvemento e subdirector da compañía Voz Audiovisual. Produtor executivo e editor de guión en series televisivas de ficción (Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu e As leis de Celavella), documental (Vida nas mareas e O mundo de Celavella), e a longametraxe De bares. Xefe de Desenvolvemento e produtor executivo de Filmax TV a partir de 2006, dedicado especialmente ao documental.

Yago Mazoy - Fotógrafo de prensa, reporteiro de televisión, redactor é  freelance  da produción audiovisual . Neste último ámbito ten traballado en guión, dirección de fotografía, montaxe, produción, locución …  dedicándose á publicidade, a contidos corporativos e institucionais, á dotación de contidos para museos, videoclips, curtas de ficción …  Na actualidade leva moitos anos centrado na produción de documentais, un xénero, como el mesmo afirma “moi flexible en todos os aspectos, desde os referidos aos contidos ate ás formas”. Alén dos documentais producidos por outra produtoras, conta no seu haber, entre produción propia e produción delegada, cun centenar de traballos.. http://www.yagomazoy.com/esp.html

No comments:

Post a Comment