Monday, March 2, 2015

RECUPERACIÓN DOCUMENTAL e FOTOGRÁFICA da EMIGRACIÓN GALEGA


O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega está a desenvolver Proxecto de recuperación documental e fotográfica da Emigración Galega. Para iso poñen en marcha unha campaña de recollida de fotografías e documentos particulares que moitos emigrantes e familiares conservan nos seus fogares, como testemuña das súas vivencias no país de destino. (http://consellodacultura.org/aeg/paxinaarq.php?id=3528). 
Co claro obxectivo de constituír unha plataforma permanente e dinámica para avanzar no coñecemento dos movementos migratorios, xorde esta iniciativa “activa e urxente” de recuperar o legado documental como pegada importante das galegas e dos galegos emigrantes.
Algúns exemplos dos documentos e fotografías que xeralmente achegan as persoas colaboradoras:
Imaxes que recrean a partida: fotografías da saída ou embarque, durante a viaxe (no barco, avión ou tren).
Documentos oficiais: pasaportes, cartilla de emigrante, carteira de identidade de inmigrante, licenzas para emigrar, tarxetas de embarque, carnets de identidade ou cédulas do país de acollida, expedientes de matrimonio por poderes, carnet de socio dalgunha entidade galega ou española, etc.
Documentos que reflictan a traxectoria laboral dos emigrantes: fotos da persoa emigrante no seu lugar de traballo (p.e. co uniforme de traballo, etc.), contratos laborais, tarxetas publicitarias do seu propio negocio, anuncio publicitario do mesmo nalgún xornal, documentos da actividade sindical en caso de habela (boletíns informativos, circulares, etc.)
Pontes de ida e volta: cartas entre emigrantes e as súas familias e/ou amizades, postales, etc.
Vida cotiá no país de emigración:
O novo fogar: fotografías da súa chegada, dos primeiros anos (nos distintos lugares de aloxamento: pensión, apartamento, casa, hotel, albergue, barracón, outros (casas de familiares, amigos ou empregadores…).
Tempo de lecer: visitas, festas familiares como bautizos, comunións, vodas ou cumpreanos; viaxes, reunións nos centros galegos ou noutros centros nos que pasaban o seu tempo libre, etc.
Semente de novas xeracións: fotos cos seus fillos e fillas no país receptor, por exemplo: en festas escolares (actos de graduacións nos colexios, obras teatrais, entroidos, bailes, competicións deportivas, boletín de notas, etc.), visitas feitas á terra, etc.
O retorno:
Fotografías tras o retorno á terra, o novo camiño da integración a través do establecemento de novos negocios, etc., representan unha documentación de moito interese. 

Para participar no proxecto non é necesario facer doazón de fotos ou documentos orixinais, aínda que sería un aporte de sumo valor. No Arquivo encárganse de dixitalizar ditas fotografías ou documentos persoais, devolven os orixinais, e ademais entregan unha copia en CD como agasallo en sinal de agradecemento. Tamén se pode enviar dita  aportación particular a través do enderezo electrónico do Arquivo da Emigración Galega: aemigracion@consellodacultura.gal
 
Para saber outras formas de facer a doazón pode consultarse a seguinte ligazón onde se explica cada paso a seguir:
 

Thursday, February 19, 2015

II CICLO de CINEMA RURAL en LINGUA PROPIA - 1ª sesión

 


La plaga   [A praga]
Dirección : Neus Ballús
Guión: Neus Ballús, Pau Subirós, Iñaki Lacuesta e Isa Campo
Fotografía: Diego Dussuel        Música: David Crespo
Protagonistas: Raül Molist, Maria Ros, Rosemarie Abella, Iurie Timbur, Maribel Martí
Ano: 2013 / Duración 85 min.

Sinopse: Raül, un campesiño que tenta facer produción ecolóxica, contrata a Iurie para que o axude no campo. Iurie é un loitador de loita libre, pero ten que traballar do que saia. Devagar, mentres o verán avanza, as historias destes dous homes entrelázanse coas de tres mulleres: María, unha anciá que debe abandonar o campo, Rose, unha enfermeira filipina que ven de chegar ao país e Maribel, unha prostituta que traballa dende hai anos nos camiños.



«Na súa primeira longametraxe, Neus Ballús sérvese da  capacidade de mergullarse no real da súa traxectoria como directora de documentais para propor un filme dobremente fronteirizo. La plaga habita ese territorio cada vez máis fértil situado na encrucillada da ficción e a non ficción para falar, literalmente, da fronteira, das últimas zonas de resistencia do rural no Gallecs, espazo a cabalo das comarcas do Vallés Oriental et o Vallés Occidental que, en 1968, correu o risco de desaparecer baixo o proxecto de construción dunha cidade dormitorio […]
O filme de Ballús reúne un grupo heteroxéneo de personaxes que se interpretan a si mesmas no que funciona coma un extraordinario western lírico. […] La plaga fotografía a personalidade dunha comunidade entre estas dispares personaxes a través de xestos sutís de comunicación e afecto que alcanzan esmagadoras resonancias. La plaga parece non estar contando nada para contalo todo […] nun mosaico de personaxes construídas coa esixencia de quedarse co esencial e non permitir a entrada na montaxe final de ningunha imaxe irrelevante.
Este suposto western crepuscular remata converténdose no seu aparente contrario: un relato fundacional (político e xenerosamente humanista) sobre novas relación e resistencias, porque o sentido último de La plaga non é tanto o de rexistrar a desaparición dun mundo, se non o de propoñer o fortalecemento dun  novo, fundamentado na comunicación e a comprensión do outro, no que semella un territorio asediado.»                   Jordi Costa “Un western lírico” – El país, 6.09.2013


O Plan Director da área Metropolitana de Barcelona de 1968 prevía a construción no Gallecs, 15 km ao norte de Barcelona, na comarca do Vallès Oriental, dunha área urbana para 130.000 habitantes. As propiedades foron expropiadas, pero unha grande mobilización por parte da cidadanía conseguiu paralizar o proxecto. En outubro de 2009 a Generalitat de Catalunya incluíu El Gallecs no PEIN (Pla d'Espais d'Interès Natural).  Este territorio agroforestal de 774ha, é un espazo periurbano con valores medioambientais, paisaxísticos e culturais, no que a agricultura ecolóxica comeza a abrirse camiño dentro da vida activa do mundo rural. Associació Agroecològica de Gallecs : http://www.aegallecs.cat/
  
Neus Ballús ( Mollet del Vallès - Vallès Oriental – 1980)
Directora, guionista de cinema e produtora audiovisual. Ten realizado varias curtametraxes así como o documental  'Immersion' (2009) e estivo ao mando das series documentais 'Barcelona any zero' e 'Barcelona any 1'. É Cofundadora, con Pau Subirós, da productora “El Kinògraf”. A súa primeira longametraxe é La plaga, filme no que investirá catro anos de traballo prévio e convivencia coas -protagonistas.