Monday, November 9, 2015

III CICLO de CINEMA RURAL EN LINGUA PROPIA - sesión 1


Proxección do filme : "En todas as mans"
Martes 17 de novembro
18:00h - Salón de actos - Fac. de Humanidades 

Esta proxección complementarase o martes 24 de novembro coa mesa de debate "A propiedade veciñas: o futuro nas nosas mans" na que estará presente, entre outras persoas, o co-guionista e produtor executivo do filme.
Máis información na entrada anterior deste mesmo blog.

“Visibilizar o veciñal :  no país do minifundismo existe unha realidade que é de todos e, ao tempo, de ninguén. Unha realidade silente, mais activa, que resiste o paso dos séculos e os sucesivos ataques por diferentes medios. O monte veciñal en mancomún ou baldío, aquela porción de territorio xestionada de forma directa pola veciñanza, é unha realidade tan viva como descoñecida na Galiza e Portugal. Unha realidade que sitúa ao morador dunha parroquia ou freguesía no epicentro da acción política do seu propio territorio. Os baldíos ou montes veciñais son unha figura que implica a miles de persoas que xestionan máis dun millón de hectáreas nos dous países de forma directa, sen intermediacións nin delegacións. Na Europa do libre comercio, esta é unha realidade única, que conforma parte do seu máis rico patrimonio cultural.
En todas as mans é unha peza audiovisual que pretende mostrar a actividade destas comunidades e a vida dos seus protagonistas acompañadas de voces expertas da economía, xudicatura, ecoloxismo, historia ou activismo social. A suma ofrécenos un diverso elenco de usos, reflexións, problemáticas e propostas á volta da xestión comunitaria do monte na Galiza e Portugal. Un documentario que abre as cancelas do monte ao futuro.
O proxecto “En todas as mans” non pretendeu ser unicamente un documentario, senón que o longo proceso de produción foi ideado desde unha perspectiva máis alargada.
Durante os case catro anos do proceso, a cooperativa Trespés procurou construír unha comunidade de persoas e entidades amigas do documentario. Así, participamos en ducias de presentacións en asociacións, xornadas, congresos, comunidades de montes, centros sociais… no territorio galego-portugués. Mediante as redes sociais e a presenza na prensa contribuímos a colocar, xunto con outras entidades, o comunitarismo no debate público.
A estratexia de financiamento do documentario partiu da filosofía da suma dos poucos para conseguir o todo. Así, foron máis de 250 persoas, unha vintena de entidades e 19 montes veciñais as que forman parte do elenco de mecenas de “En todas as mans” sen as que non sería posíbel acabar o proxecto. Para nós, realizar o documentario é unha cuestión que transcende o puramente cinematográfico para se situar no social e o político. O proceso foi demorado, mais as sinerxías acadadas alértannos da necesidade de continuar a reivindicar os montes veciñais e os baldíos como ferramentas de futuro.” www.entodasasmans.com


Dirección: Diana Toucedo -Guión: Diana Toucedo e Alberte Román -Dirección de fotografía: Iván Castiñeiras. -Son directo: Ricardo Román -Montaxe: Diana Toucedo -Música: Germán Díaz - Produción: Trespés Cooperativa Galega
 




Wednesday, October 7, 2015

RURAL IMAXINADO - Lalín, 13 de novembro -

O Encontro: Rural Imaxinado. Do presente a un futuro porvir celebrarase o 13 de novembro en Lalín e ten aberta a convocatoria de presentacións. Estas deberán responder a algunhas das cuestións como son: Como se reconceptualizan as comunidades na actualidade? A innovación é cousa so de empresas? ou que imaxinarios se dan hoxe no medio rural? Como se vive o territorio?; asi como aspirase a coñecer tamén que outras experiencias alternativas de mercados existen..
Este espazo de debate e interacción pretende ser un lugar de encontro entre a universidade, activismos e experiencias innovadoras e busca coñecer que novos relatos se están dando no medio rural.
Os mesas temáticas nas que se deben insertar as presentacións serán en torno aos 4 eixos:
• Comunidade
• Outras economías
• Subxectividades
• Resiliencia/innovación
Para o envío de propostas de presentación, estas deben facerse ao correo rede.revolta@usc.es. Valorase moi positivamente o envío de propostas innovadoras, asi como os formatos das presentacións poden ser ben a través de presentacións orais, vídeos, dinámicas,...
 Máis información en: 


Sunday, April 12, 2015

II CICLO CINEMA RURAL EN LINGUA PROPIA - 3ª sesión



A mesma terra
Realización: Yago Mazoy
Guión orixinal e entrevistas: Anxo Vázquez
Desenvolvido por: Pepe Coira e Yago Mazoy
Dirección de fotografía e montaxe : Yago Mazoy
Música orixinal : Arturo Kress
Produccións A Fonsagrada S.L.U. e televisión de Galicia S.A.
Ano: 2013  /  Duración:  55 min.

Interveñen: Rosa Guimarei López, Milagros González Refojo, Manuel Sandamil Cabana, Antonio Cabana Vila, Ramón Villares Paz, Antonio Platas Tasende, Maximino Viaño García, Fernando Barbeyto, Pepe Salvatierra, Eloi Villada, Gillermo Budiño Cajaraville, Javier Blanco Carballal, Luis Caramés Viéitez, Francisco Sineiro, Manuel Corbal Rodríguez, Antonio López Murado, Eduardo Corbelle Rico, Francisco  Ónega López.

« Nas súas entrañas xermina a vida. Pero a vida pasa e a terra... a terra permanece. En Galicia a terra está dividida en trece millóns de anacos. É o resultado dunha longa historia, a dun pais que, ata onte mesmo, se ocupou maioritariamente no traballo agrícola.  Tras séculos de loita e esforzo por posuír a terra, hoxe a meirande parte dos galegos teñen esa mesma terra abandonada.Historicamente, é un paradoxo tremendo. E de cara ao futuro é un problema que cómpre afrontar.» Con estas palabras presenta a Fonsagrada Producións (da delegación do grupo Fílmax en Galicia) o  documental producido en colaboración coa Televisión de Galicia que, sendo aínda un proxecto, levou o título de Escravos da terra, co que accedeu ao apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais en 2012. Este documental de creación mudou felizmente de nome no seu proceso de creación sen perder os trazos dunha visión concreta sobre a evolución do agro galego a cargo de Anxo Vázquez, guionista de longa traxectoria no documental agrario a través de programas de televisión como O noso agro (1989), A terra (1986), Labranza (1991) (dispoñibles en : http://www.crtvg.es/cultural/especiais).


A mesma terra realiza unha reflexión sobre o abandono histórico de terras en Galicia, e as súas implicacións na conservación da natureza e a paisaxe. A través de entrevistas a persoas implicadas directamente en explotacións rurais de diversa índole e a especialistas de diversas áreas e representantes de institucións vinculadas ao agro, o filme amosa a idiosincrasia e a problemática, social, económica e ambiental, do abandono de terras polo que ten servido en diferentes foros de fío argumental para tratar de debullar os principais retos territoriais aos que se enfronta a custodia do territorio en Galicia.

Pepe Coira Nieto (Rábade,  1963) Director do CGAI (1991-1998) encargado da promoción, difusión e recuperación do audiovisual galego. Profesor na Escola de Imaxe e Son ata o ano 2000. Profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (2004-2007) e no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña. Guionista: TVG - Extramuros (1987) e Luces da Cidade (1988-1989). Director de Desenvolvemento e subdirector da compañía Voz Audiovisual. Produtor executivo e editor de guión en series televisivas de ficción (Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu e As leis de Celavella), documental (Vida nas mareas e O mundo de Celavella), e a longametraxe De bares. Xefe de Desenvolvemento e produtor executivo de Filmax TV a partir de 2006, dedicado especialmente ao documental.

Yago Mazoy - Fotógrafo de prensa, reporteiro de televisión, redactor é  freelance  da produción audiovisual . Neste último ámbito ten traballado en guión, dirección de fotografía, montaxe, produción, locución …  dedicándose á publicidade, a contidos corporativos e institucionais, á dotación de contidos para museos, videoclips, curtas de ficción …  Na actualidade leva moitos anos centrado na produción de documentais, un xénero, como el mesmo afirma “moi flexible en todos os aspectos, desde os referidos aos contidos ate ás formas”. Alén dos documentais producidos por outra produtoras, conta no seu haber, entre produción propia e produción delegada, cun centenar de traballos.. http://www.yagomazoy.com/esp.html

Tuesday, April 7, 2015

O MARCO DA AUGA [La pierre de partage de l'eau]

Primeiro filme da serie "Obxectos de medida da auga e de irrigación" realizados por Fabienne Wateau.
É o que ela mesma denomina como o seu "filme de aprendizaxe".
Ilustra o sistema de medida do tempo de irrigación empregado noutro tempo no Penso (unha parroquia do val do Miño en Portugal) a partir dunha sorte de cuadrante solar situado no medio dos campos. Ao longo do día a sombra proxectada sobre a pedra indica os espazos-tempos precisos gravados no chan que permiten saber en que momento lles chegará a auga da regueira.

" 'Aquí as augas son complicadas'" dixo Rosa. Alicia, Domingos e Rosa coñécenme dende hai máis ou menos unha ducia de anos, porque o terreo da miña tese desenvolveuse neste val do Río Miño, entre 1990 e 1996. Estamos entón en xuño de 2001, saben quen son, e pola miña banda coñezo ben a complexidade do seu sistema de irrigación por telo observado, cuestionado e escrito." (Fabienne Wateau)

Monday, April 6, 2015

II CICLO CINEMA RURAL EN LINGUA PROPIA - 2ª sesión

Les conques d’Arbo -  As cornas de Arbo

Dirección: Fabienne Wateau

Ano: 2004 - Duración:  6’20 min. -  v.o.castelán-galego - subtítulos en francés


Noutro tempo, no sur da Galiza, empregábase unha corna para anunciar as quendas da auga de irrigación no verán. Era este un instrumento de chamada manipulado por dous responsables das regueiras que alternaban día e noite. Esta práctica ancestral deixou de ser operativa nos anos 80 do pasado século coa cimentación da regueira principal  e o establecemento dun documento oficial. Uns vinte anos despois, co gallo dun ensaio de reconstitución fílmica de esta actividade, o son da corna reavivou entre os aldeáns unha memoria impregnada de nostalxia.  (…) Tería gustado de poder insistir sobre a dimensión sonora e creativa de lazo social do noso obxecto. Cando volvín sobre o terreo en 2003, coa intención de filmar a corna no seu contexto xeográfico –a falta dun contexto social e dunha actividade agrícola aínda vivas- era difícil recoñecer as antigas terrazas na paisaxe ou simplemente imaxinar que apenas vinte anos antes, todas as terras estaban cultivadas intensamente e o parcelamento da regueira de Arbo perfectamente delimitado. Non obstante cos primeiros toques de corna todos lembraban cunha certa nostalxia esta sonoridade particular e estacional, esta práctica estival da irrigación que reunía aos irrigadores e os invitaba a estar atentos aos sinais que o levador lles lanzaba. Este son centrípeto que [xunto con outros] unificaba e ordenaba a comunidade (…) creaba un verdadeiro lazo social entre os aldeáns. Non só entre os beneficiarios da auga da irrigación de Arbo, se non entre todos os aldeáns, e sen dúbida con eles tamén os do pobo veciño de Barcela, si cremos como din, que lembran a chamada escoitada ao lonxe no val de Cea.  Fabienne Wateau (2007) Souffler pour ordonner: une conque pour l’irrigation en Galice  [Soplar para ordenar: unha corna para a irrigación na Galiza]

La canne à mesurer l’eau  - A cana de medir a auga

Dirección: Fabienne Wateau

Montaxe : Marc-François Deligne

Ano: 2006 - duración:  28 min.  
 v.o.portugués - subtítulos en francés 

Realizado no marco do proxecto da Fundation Fyssen « Obxectos e Medidas », en colaboración co Museu nacional da etnología de Lisboa e o Laboratoire Techniques et Culture do CNRS (Francia), este  filme, que ten recibidos varios premios no ámbito do cinema etnográfico, é o terceiro da serie Obxectos de medida da auga de irrigación.

As canas serven para partillar os volumes de auga retidos nos pequenos estanques de reserva na vertente con formas irregulares. Este vello sistema de reconto e de reparto do recurso sigue a ser empregado no noroeste de Portugal con fines agrícolas.  Da fabricación da cana á distribución da auga nas parcelas, o filme lévamos ao corazón dun universo de relacións sociais sutilmente fiadas arredor desta actividade, que tan só o abandono progresivo das terras –segundo afirman os interlocutores do filme- poderá desbotar. Nun momento de imposición de modelos de xestión da auga, este filme é tamén unha reflexión sobre a adecuación dos sistemas técnicos tradicionais ao territorio e ás lóxicas sociais
Podedes ver o filme completo aquí

Fabienne Wateau ( Mollet del Vallès - Vallès Oriental – 1980)
Encargada de investigación no CNRS (Laboratorio de etnoloxía e socioloxía comparativa. Nanterre), é autora, entre outras, da obra Partager l’eau. Conflits et irrigation au nord-ouest du Portugal [Compartir a auga. Conflictos e irrigación no noroeste de Portugal]. Fabienne vincula á súa investigación e aos seus escritos académicos a realización de filmes etnográficos. A serie “Objects de mesure de l’eau et d’irrigation” [Obxectos de medida da auga de irrigación] está integrada por tres filmes: (2002) La pierre de partage de l’eau  [A pedra de reparto da auga]  co-realizado con Ana Margarida Campos, (2004) Les conques d’Arbo [As cornas de Arbo]. e (2006) La canne à mesurer l’eau [A cana de medir a auga]
No marco dunha Europa en fase de reconstrución, Fabienne Wateau interésase polas lóxicas do pensamento que presiden a organización dos grupos e os efectos das políticas do global sobre o local. Realiza a súa tese nun espazo de polycultura de subsistencia no noroeste de Portugal, cerca dunha comunidade rural que practica a irrigación dende hai varios séculos e que está invitada na actualidade pola comunidade europea a desenvolver un monocultivo non irrigado de viña. Interésase Fabienne actualmente plos efectos da implantación dunha grande  presa nunha rexión desértica do sur de Portugal, que conduce á desaparición dun pobo, á reorganización de espacios e de relacións sociais e ao reaxuste dos discursos de identidade a distintos niveis (local, rexional, nacional, binacional […]). O seu propósito é o de observar e analizar os procesos de cambio en curso, concedendo unha atención particular aos medios elixidos polas poboacións para defender a súa especificidade e gañar en poder e en representación no seno de Europa.  http://www.ethnographiques.org/Wateau-Fabienne